Prehistoria, Romanización e ataques bárbaros
![]() |
| Os fenicios instalaron un peirao en Aguiño hai arredor de 3000 anos. |
A Historia comeza no momento en que os nosos antergos decidiron deixar constancia escrita dos feitos, dos actos e das súas relacións. Polo tanto, en estricto sentido, a historia de Riveira comeza nese intre máxico en que alguén legou un documento a ducias de xeracións vindeiras. Aténdonos a isto podemos acudir á denominación que un 12 de setembro se facía da localidade á que agora nos referimos, máis de 800 anos despois, como Santa Uxía de Riveira: "Sancte Eugenie de Carraria".
Pero non nos enganemos, a todo o mundo lle produce curiosidade o xeito en que estaría poboado e como viviría a xente que habitaba o noso concello de Riveira hai 2000, 3000 ou 4000 anos. Podémolo coñecer gracias ós restos de vivendas, de tumbas ou utensilios que permaneceron ocultos durante séculos ou milenios. E gústanos saber que hai 5000 anos, no periodo megalítico, caracterizado pola importancia da pedra como materia prima, tiñan unha cultura funeraria moi relevante e que indica as profundas crenzas relixiosas que mantiñan. Mámoas e dolmens, coma a Pedra do Mouro, máis coñecida como Dolmen de Axeitos, así como os restos atopados en excavacións, fálannos dunha cultura guerreira e con gran sentido da colectividade, que enterraba ós seus membros en sepulturas comunais que aínda admiramos hoxe en día; e que cría nunha vida no máis alá (acompañaban os corpos dos mortos cos seus efectos persoais e armas). A arte rupestre da Idade de Bronce, tampouco deixa de nos intrigar: dos seus petroglifos legados conservamos en Riveira a inscultura da Pedra das Cabras. Máis tarde, hai uns 3000 anos e ata a chegada dos romanos, a comezos da nova era cristiá, os asentamentos celtas extendéronse pola zona. Conservamos probas de que os celtas ocuparon varias zonas altas, onde gustaban de instalarse, do municipio: o monte de A Garita, o Monte Facho, o Monte Tahume, o Monte do Castro da Cidá... Mais tamén se acomodaban en zonas costeiras nas que o mar puidese actuar de protector; así temos restos castrexos na rexión do Parque Dunar próxima a Couso, coñecidos como Castro do Porto de Baixo. Tamén guerreiro, deste pobo coñecemos infinidade de características, comezando pola disposición circular ou ovalada das súas vivendas e poboados. Malia seren belicosos e básicamente recolectores, coñecían a agricultura e a gandería, e traballaban con legoñas ou fouces. Arredor destas datas teriamos que situar os restos fenicios que se atopan no peirao de A Covasa, en Aguiño; este pobo de comerciantes viviu o seu apoxeo como mercaderes entre os séculos VII e VIII a.C., e algúns historiadores cren que logo de domina-lo Mediterráneo instalaron nas costas atlánticas algún porto orientado ás súas actividades comerciais.
Voltando á cultura castrexa, viuse destruída coa chegada da civilización imperial romana. Desta etapa non se conservan ou non se acharon restos suficientes como para coñecer a fondo o xeito en que ocuparon estas terras. No noso municipio temos os muíños de Artes ou estrelas funerarias en Olveira, gravadas na pedra. De seguro que lle debemos a estes grandes conquistadores do Lacio a orixe dalgunha vía pública pola que aínda hoxe transitamos.
Ata chegarmos a ese século XII que apuntabamos como ano 0 de Riveira, hai que mencionar un periodo escuro no que estas zonas sufriron un despoboamento progresivo. Os últimos en asentarse foran, no s. VI, os suevos, aínda que de maneira efímera; coa súa chegada o Barbanza quedou englobada na antiga parroquia medieval “Parrochiale Suevum”, do Bispado de Iria Flavia, e coñecida como Postamaricos. Este topónimo derivou no noso Postmarcos e foi o xerme das parroquias actuais. A partir de mediados do s. VIII comezaron os ataques de viquingos (ata o s. X), normandos (desde o s. IX) e sarracenos (durante o s. XII) procedentes do sur peninsular. Así que na futura Riveira cáse que ninguén se atrevía a vivir. Un lento poboamento de carácter definitivo comezou a darse durante o reinado de Alfonso III, polo ano 900, da man de institucións eclesiásticas. Deste xeito, resistindo os embates inimigos que chegaban por mar e afastándose o posible do litoral, as nosas terras actuais principiaron a sentir de novo a calor humana.