| |
O día a día na Lonxa de Riveira

Actividade na lonxa de Riveira |
O mar baña Riveira e súrtea de actividade e riqueza; e poucos lugares
reflicten isto mellor cá Lonxa, auténtico corazón do sector pesqueiro da vila. A
organización deste mercado xira en derredor de seis vendedurías (a Cooperativa,
a Confraría de Pescadores, Majo, Portas, Willisch e Recho). Cada unha delas mira
polo bo decorrer das subhastas das distintas especies e anota as operacións de
venda realizadas. Malia non dispor de ningún regulamento que fixe uns horarios,
o certo é que a rutina asentou determinados momentos do día para cada subhasta,
que podemos verificar con tal de achegármonos a botar unha ollada. Ás oito menos
cuarto da mañá ten lugar a venda das capturas do cerco - xurelo, sardiña... -,
aínda que no inverno soe retrasarse ata unha media hora máis tarde; despois
dunha longa mañá calmada en terra mentres as embarcacións andan a faenar, ás
tres da tarde comeza de novo o movimento coa subhasta da ameixa; ás seis
principia a venda do maior volume de peixe, e atópanse moitas especies (ás seis
e media soe repartirse o marisco: camarón, centola, nécora, etc; ás sete e media
o polbo...). Á hora do serán, por algunha estraña razón, vendedores e
compradores acostuman a desprazárense dunha punta a outra da nave da lonxa para
continuar coas vertixinosas subhastas. Ás oito procédese coa do lirio, un dos
productos máis importantes, pois supón un 38% das vendas. As últimas
descargas, ás dez da noite, non poñen fin ás subhastas desta lonxa, que non
detén a súa actividade en ningunha das 24 horas do día; logo seguen a chegar
barcos, ó longo da noite, que incluso subhastaron as súas mercadorías a
primeiras horas da tarde. E ata as dúas da madrugada pódese escoitar os cantos
das subhastas. Unha vez vendido e etiquetado, o peixe prosigue a súa viaxe,
despois de ser apreixado con técnicas como o arrastre, o cerco e outras artes;
os compradores (uns 250, nacionais ou internacionais, con carné expedido no
concello) bulen para conseguir unha distribución do adquirido o máis pronta
posible. Como peixe fresco ou en conserva, o peixe subhastado en Riveira vai dar
a un sen número de lugares de Galicia, a Madrid (despois dunhas seis horas de
camiño), a Barcelona (dez horas), a Bilbao, Sevilla, Murcia, Valencia ou mesmo
Vigo ou A Coruña onde pode ser revendido.

Vista parcial das instalacións da
lonxa. |
O funcionamento da Lonxa é complexo; os vendedores son independentes e tratan
coas distintas vendedurías (a Cooperativa é a que ostenta un maior peso en
volume económico pero o valor social preponderante correspóndelle á Confraría de
Pescadores). Un dos logros máis meritorios é, sen dúbida, a
autorregulación que se acada na organización das subhastas sen recorrer a ningún
órgano concreto. A Lonxa de Riveira, que se convertiu hai décadas nunha das máis
importantes de portos centrados na pesca de baixura, segue a ser referencia en
canto a captura destinadas a peixe fresco do día; proba disto é a variopinta
procedencia dos barcos que levan a súa carga ó mercado riveirense (de A Illa de
Arousa, de Portosín, de Cambados...). A Lonxa tómase un lene respiro os luns á
mañá, xa que os barcos do cerco non saen ata o mediodía desta primeira xornada
da semana, pero o resto do tempo é un auténtico formigueiro, mostra do sopro de
vida económica que o mar insufla a un pobo eminentemente mariñeiro como o é
Riveira.
Subir
 |