| |
Breve Historia Deportiva
A historia do deporte na nosa cidade estivo capitalizada polo clube de fútbol
de Riveira desde principios do s. XX. O balompé convertiuse en deporte rei pola
súa popularidade desde hai máis de cen anos, e, se ben é certo que sufriu varias
refundacións, o Atlético Riveira levou a bandeira da vila por Galicia adiante,
atravesando periodos de esplendor nos anos 60 e 70, cando chegou a militar na
Terceira División, a categoría de bronce por aquel entón en España.
Pero o monopolio futbolístico comezou a crebarse en Riveira desde hai uns 15
anos. O impulso que desde o Concello se lle deu ó deporte en distintos eidos e
modalidades surtiu un efecto que rebasou as máis optimistas previsións e
agromaron moreas de clubes e equipos que ó tempo que manteñen en plena forma ós
deportistas e canalizan as ilusións de moitas persoas, pasean o estandarte do
noso municipio deixando o pavillón ben alto. Entre estes clubes que xermolaron
nos últimos anos, máis dunha vintena de clubes están agora activos; e
particularmente, 4 deles merecen especial mención polos éxitos deportivos
acadados. O clube de taekwondo Natural Sport Videlgi, o Club Atletismo Riveira,
o Club Natación Riveira e o Club Baloncesto Riveira conseguiron, tanto a nivel
colectivo como individual, títulos de alcance nacional e internacional:
Club Natación Riveira

Foto do clube local de natación. |
Constituído en 1993, milita actualmente en 1ª División Galega, logo do
ascenso logrado en 2001. Nos dous primeiros anos, os postos acadados na
clasificación foron 4º nun grupo de 8 e 5º nun grupo de 12 - logo da
reestructuración realizada pola Federación. Como éxito colectivo, cabe destacar
que nos Campionatos Galegos da tempada 2002-03 en Santiago, o equipo colocouse
en 4º lugar. A nivel individual, varios deportistas trouxeron medalla dos
Campionatos de España:
Álvaro Reiriz, bronce en 200 espalda infantil (Huesca 2000); prata en 100 e
200 espalda xuvenil (Barcelona 2001)
Uxía Muñiz, bronce en 50 libres xuvenil (Gijón 2001)
David Pita, Miguel Barreiro, Uxía Muñiz, Tania Fernández, Dora Iria Pérez,
Sabela Pensado e Álvaro Reiriz participaron en máis dunha ocasión coa selección
galega nos campionatos de España. Álvaro Reiriz en 100 espalda e Uxía Muñiz en
dúas ocasións en 50 espalda chegaron a disputa-las finais B dos campionatos de
España.
Para rematar este repaso de éxito que podería extenderse bastante máis,
destacamos o campionato galego acadado na tempada 2000-01 polo grupo de alevíns,
integrado por : David Fernández, Sergio Sampedro, Adán Pena, Fran Fernández,
Dimitri Alves, Marta Besada, Alba Vidal, Aurea Becerra, Fátima Pérez, Anxos
Torrado e Mª Dolores Willisch.
Natural Sport Videlgi

Presentación os medios de prensa do plantel
NSV 2002. Conservatorio |
Fundada en 1996, esta entidade experimentou en poucos anos un ascenso
fulgurante en tódolos sensos: deportivo, económico, social... A filosofía do
clube non se reduce á competición de taekwondo, senón que aposta pola promoción
da práctica deportiva, a formación persoal a través do deporte como actividade
social e o fomento de diversas actividades lúdicas complementarias. De todas
maneiras, é no eido deportivo onde o clube ten que da-la talla e aumenta-lo seu
prestixio. E o bo traballo cos rapaces deu os seus froitos coa conquista dun
senfín de recoñecementos. No ano 2000, o clube foi distinguido cun galardón do
Consello Superior de Deportes, a través da Federación Española de Taekwondo.
Como equipo, o N. S. Videlgi proclamouse campión absoluto de Galicia na
modalidade de combate, en 2002; tamén campión absoluto no Dual Meet
Natural-Selección de Valencia de 2002, en categoría senior; e no mesmo ano, 2º
clasificado absoluto no Campionato Cadete Galego, na modalidade de combate.
A nivel individual, destacan os laureis deportivos colleitados por:
Patricia González; 4ª clasificada no Campionato do Mundo Junior (Grecia 2001)
e campiona nacional absoluta (Barcelona 2002).
Javier Sieira; 3º clasificado absoluto no Open Internacional de Atenas 2002.
Germán Santos; 1º clasificado absoluto no Open Internacional de Atenas 2002.
Goretti Somoza; campiona de España en categoría cadete en 2001, campiona de
España junior en 2002, campiona galega absoluta en 2002 e campiona de Europa en
Atenas 2002.
Club Atletismo Riveira

Viaxe do Clube de Atletismo Riveira do ano
2002. |
Esta entidade fundouse en outubro de 1993, gracias ó apoio
municipal encabezado polo concelleiro e parlamentario autonómico Manuel Ruiz
Rivas, que soubo situar ó atletismo nun punto de referencia. Parello ó clube,
presidido por Manuel Caamaño, comezou a traballar a Escola de Atletismo, canteira de grandes deportistas ó
longo de máis de 10 anos. O esforzo viuse recompensado con máis de 60 medallas
entre competicións autonómicas e nacionais, así como 30 subidas ó podio en
campionatos galegos e nacionais e o establecemento de marcas récords en España e
Galicia, algunhas aínda en vigor. Nomes ilustres como os de José Antonio Vidal,
mundialista xuvenil en Francia 98, Virginia Villar, campiona e récord de España
en vallas, Eva Lijó, bronce no Nacional en 300 m., Natalia Argibay en 400 m., e
un longuísimo etcétera.
Desde o primeiro día, un dos propósitos foi contar cunhas
boas instalacións; e o estadio de atletismo para Riveira fíxose realidade en
Xuño de 2003 coa inauguración do novo campo, coas gradas remodeladas e unha
pista de tartán de 400 m. Ademais, disponse dun módulo cuberto de 60 m. e o
Concello conta cunha delegación de Xuíces da Federación Galega. Todo indica a
que un futuro venturoso lle agarda ó Clube de Atletismo Riveira.
Club Baloncesto Riveira

Plantilla de Clube Baloncesto Riveira '03 no
Pavillón de Coroso. |
Fundado en 1983 a través da Asociación Cultural Vionta,
este clube experimentou un ascenso vertixinoso nos primeiros anos, ata
convertirse nunha entidade representativa do municipio no ámbito deportivo e cun
equipo consolidado na 2ª División (nivel autonómico). A cronoloxía sinala a
tempada 85-86 como a do ascenso a 3ª División; no 87 créanse as categoría
inferiores; no 88 conséguese o ascenso a 2ª División. Militou desde entón nesta
categoría, clasificándose sempre entre os 5 primeiros. Entre estes últimos
exercicios, destaca o subcampionato galego acadado polo equipo xuvenil, que na
fase final chegou a enfrontarse contra o CAI Zaragoza ou o Taugrés Vitoria. Na
tempada 2002-03, o Clube Baoloncesto Riveira participou na liga EBA, de carácter
estatal, gracias a un convenio co Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela,
co que conformaron un equipo conxunto. A entidade conta con 3 equipos
infantís - un masculino e 2 feminino-; 2 alevíns e 2 cadetes - masculino e
femenino. O clube está presidido por Ramón Muñiz e a plantilla é dirixida por
Arturo Ferraces; ó longo da súa historia o xogador máis sobranceiro foi Ricardo
Santos, que logo de 8 anos no C.B. Riveira, deu o salto á liga EBA da man do
Rosalía de Castro, en cuias filas se atopa.
Subir
 |