| |
Personaxes
Personaxes Populares Históricos
Ramón Púa: ata Maio de 1994, Ramón "Púa" Sobrido, estivo
practicamente sempre na rúa, dando colorido e información. Dominaba tódolos
recursos da técnica narrativa oral e transmitía mensaxes publicitarias mellor ca
ninguéns. Gañábase a vida como recadeiro de acredores, e ten protagonizado
sonadas aventuras e anécdotas. O seu humor resultaba desconcertante e chocante,
en momentos.
Xosé Rodríguez Saavedra: coñecido como Saavedra, propugnou toda unha
filosofía de vida; era un superdotado, que se licenciou en filosofía e en
enxeñería naval. Unha anécdota que avala a súa impresionante capacidade
matemática foi o encargo que un armador lle fixo: realizar un burato na
embarcación, por onde sae o eixo de cola do motor. En dúas horas rematou o
traballo, pero o armador non se fiou e avisou a uns especialistas dun estaleiro
de Vigo, que tras botar dúas semanas dándolle voltas ó asunto, acabaron por
confirma-lo que dixera Saavedra, sen a máis mínima variación.
Viscaia: de verdadeiro nome Cipriano Silva González, este barbeiro de
Carreira era un líder e un seductor. De corpo pequenote e físico débil,
destacaba polo seu enxeño, imaxinación, e un, segundo din, descomunal aparato
que tiña que amarrar para que non lle dese disgustos decote. Xa poden supoñer
que caste de anécdotas lle sucedían: era sabido por todos que mantiña amoríos
cunha viúva pero tamén a todos estrañaba como se amañarían porque a muller
leváballe case un metro. Un día na taberna, interrogárono seriamente: "Veña,
Viscaia, dinos como diaño fas para satisface-las necesidades desa muller". E el
contou o segredo: "primeiro traballo no piso de arriba e cando acabo alí o labor
dígolle, 'Manuela, dame un biquiño que vou arranxa-la parte de abaixo'".
Parga: Manuel Martínez Parga foi unha persoa nobre e loitadora, e sobre todo
emprendedora: el trouxo a primeira máquina de facer churros e instalou o
primeiro aparello de asar polos en todo o Barbanza. Abriu o primeiro posto de
selado de quinielas en Riveira e tivo a idea e o terreo para montar o que sería
o primeiro cámping do municipio. Cóntase que Parga simpatizaba moito coas ideas
comunistas, pero que as disimulou convenientemente durante o franquismo. Unha
vez rematada esta etapa, en 1977, Santiago Carrillo foi a Riveira a pronunciar
un mitin e logo ía pasar polo bar de Parga. Este non dera moito creto ás novas
sobre a visita do líder comunista e fora para a cama pero cando o avisaron, de
seguida atendeu ó insigne visitante. Axiña xurdiu na conversa algún comentario
sobre a viraxe ideolóxica de Parga, ó que Carrillo repuxo: "la gente es muy
dueña de hacer los cambios que crea convenientes, porque rectificar es de
sabios; sin embargo, cuando uno es comunista de verdad, lo es hasta la tumba".
Parga saíu deste xeito da encerrona: "no hagha caso, Don Santiagho, que sólo es
por ayudar a un amigho. Aunque ahora esté colaborando con la derecha, mi corazón
siempre estará en la izquierda".
Toñito Arca: Antonio Arca Fernández foi un home de gran intelixencia e moi
cabaleiroso que logrou unha morea de títulos académicos e militares. Un exemplo
de como sabía aunar astucia e xentileza en momentos de apuro aconteceu na
cafetería que frecuentaba. O camareiro inquiriu coma sempre "buenos días, ¿qué
va a tomar el señor?"; "me pones un café con leche", respondeu Arca; "Toñito,
has de saber que tienes uno de ayer; te lo digo por si te olvidas", e Arca
respostou: "ese déjalo, Pedro, que ya debe estar frío"
Subir
 |