| |
Personaxes
Historia Cultural Viva de Riveira
Xosé Ramón Barreiro Fernández:
riveirense desde 1936, este licenciado en Dereito Canónico pola
Universidade Gregoriana de Roma, licenciado en Filosofía e Letras e
Doutor en Historia, e catedrático da Universidade de Santiago de
Compostela, é o presidente da Real Academia da Lingua Galega. Entre a
súa obra escrita sobresae Historia de Galicia. Edade Contemporánea;
en lingua castelá, merecen ser salientadas El Carlismo Gallego ou
El Levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo. Tamén
se contan entre a relación de títulos da súa autoría varios estudios no
eido xurídico e traballos relacionados coa institución eclesiástica e a
súa historia. Na rama ensaística, debemos subliñar a obra "Valle-Inclán
e o Carlismo". A isto teriamos que engadir unha boa ristra de
colaboracións con distintas publicacións de todo o Estado, así como
diversas actividades de dinamización cultural no ámbito universitario.
Francisco "Quico" Cadaval:
este actor, director teatral, dramaturgo e contacontos naceu en
Riveira en 1960. Ten publicados algúns relatos e como autor teatral
estreou as pezas Un Códice Clandestino e O Rouxinol da Bretanha, ambas
recoñecidas cun premio de ámbito galego. Ademais, adaptou textos dos
clásicos gregos e de narracións de Álvaro Cunqueiro, sendo a primeira
Si o vello Simbad volvese ás illas. As súas xiras de contacontos
lévano por diversos confíns da xeografía terrestre e ten traballado
mesmo na televisión portuguesa.
Andrés Torres Queiruga:
este eminente sacerdote e teólogo, nado en 1940 en Aguiño e cun
recoñecido prestixio internacional, é profesor titular de Filosofía da
Relixión da Universidade de Santiago, membro numerario da Real Academia
Galega, do Consello da Cultura Galega e director da revista Encrucillada.
Licenciado en 1962 en Filosofía pola Universidade Pontificia de
Comillas, licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago en 1985,
doutor en Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma en 1973, varias
das súas obras foron traducidas a linguas como o italiano, o alemán, o
castelán e o portugués. Entre a súa longa obra, algúns dos seus últimos
libros publicados son Creo en Deus Pai, ou O Inferno a
Revisión, e un dos últimos estudios, editado en 1999, retoma o tema
da paternidade divina e a relación do home con ela: Do terror de
Isaac ó abbá de Xesús.
Francisco Antonio Vidal:
natural de Palmeira desde 1957, este ensaísta e narrador vai xa pola súa
terceira novela. A primeira chegou en 1997, Ollos de Anxo da Morte;
e en intervalos de dous anos apareceron O Cuarto dos Ausentes e
A Derradeira Decisión. Tamén se adicou ó relato curto ou ós
traballos ensaísticos e ó longo da súa traxectoria atesoura xa varios
premios e galardóns de modesto rango.
Vaian as nosas desculpas a todos
aqueles que deberían estar aquí pola súa laboura a prol da cultura, pero
ante a dificultade dunha relación exhaustiva, optamos por criterios cun
alto compoñente de popularidade, aínda que sen excluír logros obxectivos
ben reflectidos en cada unha das biografías destes catro senlleiros
personaxes.
Subir
 |