| |
Personaxes
Figuras históricas na cultura de Riveira
Manuel Acuña y Malvar:
sacerdote liberal nado en Salcedo en 1757 e finado en Riveira en 1845,
foi un famoso párroco de Carreira a quen as súas ideas políticas o
levaron a pecharse no seu pazo de La Soledad, na Conlleira, onde faleceu.
Coengo de Santiago de Compostela en 1792, combatiu os franceses e o
absolutismo, para o que organizou o levantamento de Galicia en 1809. Ata
1837 participou activamente na vida pública, espallando as súas teses
liberais en xornais e folletos.
Manuel Jacobo Fernández Mariño:
doutor en Medicina por Madrid en 1808, naceu e finou en Riveira, en 1784
e 1851, respectivamente. Desde 1817 dirixe o balneario de Caldas de Reis
e Baños de Cuntis. En 1827 logra a cátedra de Terapéutica Xeral,
Matemáticas e Medicina legal e Forense da Universidade de Santiago, que
máis tarde, en 1841 o obrigará a abandona-lo máximo posto na xestión do
balneario. Publicou varias obras versadas na súa especialidade, e á súa
autoría tamén se atribúen diversos folletos e artigos na revista La
Ilustración Gallega y Asturiana.
Manuel Lustres Rivas:
nado en Riveira en 1888 e morto na cidade de Vigo en 1936, foi un dos
grandes xornalistas galegos da época de preguerra, situándose a carón de
Blanco Torres ou Villar Ponte. Colaborou en innumerables publicacións,
entre elas Galicia Nueva, España Libre, El Liberal ou o xornal Galicia,
dirixido por Paz Andrade. En 1936, ano en que os fascistas lle deron
morte, pertencía ó equipo redactor de Faro de Vigo. Os seus ensaios
están recompilados no volume Pandemonium, editado en 1917, pero o eido
que máis gustou de cultivar foi o do teatro; o seu maior legado son as
obras La hora grande e Peregrino de la ilusión. Tamén
deixou constancia do seu interese creativo pola poesía, pola narrativa
e, tematicamente, pola súa bisbarra natal. En lingua galega publicou
unha serie de artigos en xornais e revistas.
Enrique Fernández Sendón "Fersen":
na súa curta vida (1909-1954), este nativo de Riveira foi un importante
teórico do marxismo e do trotsquismo antes da Guerra Civil; a
través de numerosos ensaios, artigos e reseñas en revistas como
Leviatán, El Soviet ou Comunismo, difundíu as súas ideas de revolución
socio-política. Militou en Izquierda Comunista, na á trotsquista,
pero logo incorporouse ó PSOE; por este seu pasado, foi represaliado á
fin da Guerra. Especializado en temas pesqueiros, publicou varios
artigos sobre a materia, así como un artigo dedicado ó poeta do mar por
excelencia, o rianxeiro Manuel Antonio.
Francisco Landeira:
esta gran personalidade (1804-1876), licenciado en Cánones pola
Universidade de Valladolid, doutor en Sagrada Teoloxía, Catedrático de
Dereito Canónico na Universidade de Granada ós 23 anos, decano da
Facultade de Teoloxía da Universidade Central de Madrid, Capelán Maior
do Hospital Xeral de Madrid, e incluso nomeado senador vitalicio, foi
bispo de Teruel (1852-61) e logo de Cartagena-Murcia (1861-1876).
Para máis información sobre estes e
outros autores, acudan á fonte consultada: Diccionario de Escritores
Ribeirenses; X. Pastor Rodríguez Santamaría. Ed. Deputación de A Coruña.
Subir
 |