| |
Festas do Verán
 |
| Atraccións
das festas do verán con fogos de artificio ó fondo. |
Estas son as festas máis grandes do municipio, as de Agosto, celebradas, con
lixeiras variacións, os primeiros cinco días deste mes. Practicamente a calquera
das 24 horas do día atopamos algunha actividade: competicións deportivas para
grandes e pequenos, xogos populares, actuacións musicais diurnas e nocturnas,
disputa de torneos deportivos a nivel profesional en distintos deportes,
concursos, invitados famosos para a pronuncia do pregón, etc. Atractivas
orquestras amenizan as verbenas, incluso en distintos puntos da cidade, e o
campo da feira rebosa de atraccións e postos de toda caste: tiro, vendas de
infinidade de artigos, comidas... O sábado adoita celebrarse a procesión marítimo-terrestre na honra da Virxe do
Carme; e tamén soe ser o día elixido para a queima
de fogos de artificio, que representan un combate naval e cobren o ceo de Riveira de luces e formas que petrifican as pupilas. Ademais, nunca falta algún
que outro prato forte, coa actuación estelar dun artista de renome nacional ou
internacional.
Sempre se inclúe nestes festexos o coñecido como Día da Flor, unha xornada
dedicada ós nenos e ás flores, iniciativa da Asociación de Amas de Casa. Durante
todo o día, os rapaces levan a cabo as máis variadas actividades creativas
(pintura, realización de coroas de flores); e tamén se nomea unha raíña e unhas
damas de honor, que son paseadas polas rúas de Riveira entre aplausos e beleza
floral.
Festas Patronais de Santa Uxía de Riveira
 |
| Verbena nocturna. |
Celébranse o 12 de Setembro, cunha soa xornada festiva, repleta de
actividades e rematada coa actuación estelar dunha grande orquestra. A súa
importancia decreceu a medida que as de Agosto gañaban protagonismo, pero agora
preténdese revalorar esta festividade da patrona, día non laborable en Riveira.
Volver ó menú de festas
|
Subir
 |