|
Patrimonio arqueolóxico.
Capelas.
Capela de Nosa Señora da Angustia (Bretal)
A Capela de Nosa Señora da Angustia, situada no lugar de Bretal, pasa por un dos templos máis vellos do concello. Pertence á parroquia de Olveira e foi fundada en 1790, tal e como se le no frontispicio. A fundación correu a cargo de Roque Pillado de Orellán. Amosa leve espadaña e ten a súa romaxe o día da Asunción.
Capela de Nosa Señora dos Dolores (Sirves)
A Capela da Nosa Señora dos Dolores foi erguida no ano 1869, no lugar de Sirves, en Olveira. Rodeada dun parque axardinado, presenta un aspecto óptimo logo de ser restaurada en 2002 polos alumnos da Escola Obradoiro de Canteiría. Pódese observar un fornelo cunha Mater Dolorosa. Celébrase a romaxe o domingo in albis, unha semana despois da Pascua.
Capela de Nosa Señora da Guía (Carreira)
É unha capela antiga e pequena que se ergue nunha elevación do terreo, a Toxeira de Entrematos, pouco pronunciada pero o suficiente como para que destaque entre o conxunto tan espallado de casas de Carreira. Descoñécese a data da construcción, pero pode se-la supervivencia dunha ermida medieval. Consérvanse varias lendas arredor da súa orixe: unha conta que uns mariñeiros atoparon a imaxe da Virxe no mar e ó chegar fundaron o templo, que ó estar nun lugar silvestre, nun niño de aguias, gañou o nome co que perviviu; outros aseguran que A Guía se refire a orientación e amparo para os homes do mar. Celébrase a romaxe da Guía o luns de Pentecostés. O estilo da mampostería diluíuse un chisco debido a algunhas ampliacións a principios do s. XX.
Ermida de San Alberto (Riveira)
Foi construída en honra de San Alberto, protector de mariñeiros e de labregos, e no monte do mesmo nome, desde onde se observan vistas panorámicas privilexiadas. A súa orixe sitúase aproximadamente no s.XI, no románico, pero sufriu moitas reformas. Daquel estilo só mantén o presbiterio, cunha fiestra - agora tapiada - na ábside con dous arcos de medio punto sobre columnas rematadas en capiteis a ambos lados. A romaxe campestre que se celebra arredor desta capela ten moita sona e aínda se practican algunhas tradicións.
Capela de San Roque (Carreira)
A capela de San Roque, da parroquia de Carreira, é relativamente moderna, de construcción e aspecto moi sinxelo. Festexa o seu culto o 16 de Agosto, con moita asistencia a esta romaría campestre. Foi fundada polo párroco Lorenzo Taboada en 1860. Pero por diversas causas abandonouse o seu culto; máis tarde arranxariase ata retoma-la festividade hoxe en día celebrada.
|