| Presentación
Riveira é un municipio no que a historia deixou as cicatrices das xentes que por aquí pasaron, se estableceron e morreron. Para comprender cada momento da súa dilatada prehistoria hai que ter en conta todas esas cicatrices existentes. É por isto que, desde hai algún tempo, as autoridades municipais amósanse sensibles por rescatar da indiferencia os vestixios arqueolóxicos dos que é afortunado tanto en abundancia como en monumentalidade o noso Concello. Ante esta realidade, o organismo municipal embarcouse nun apaixonante proxecto, que se está a converter nunha realidade, no que se está a tratar de recuperar e por en valor algúns elementos que conforman o Patrimonio Arqueolóxico do Concello de Riveira.
Neste senso, a construcción tanto do Centro de Interpretación Arquelóxica coma o acondicionamento do enclave do parque periurbano de San Roque, son elementos fundamentais. Neste espacio reprodúcense algúns dos elementos conformadores dos diferentes momentos da nosa prehistoria: un dólmen, un menhir, un barrio castrexo... sendo un lugar inevitable de atracción de visitas así como de distribución das mesmas cara aos moitos xacementos reais que temos nas diferentes parroquias do término municipal, o que representa un elemento primordial de difusión do Patrimonio Cultural do municipio.
Créase, desta maneira, unha oferta en relación co patrimonio cultural variada e diferente, fomentando o coñecemento da riqueza arqueolóxica, ofertando ao visitante unha variada gama de xacementos dos distintos momentos do proceso histórico: megalitos, gravados rupestres, castros, restos romanos,... permitindo o contacto directo cos mesmos e facendo que os visitantes adquiran unha idea clara sobre os elementos integradores da prehistoria de Riveira, as súas orixes, a humanización da súa paisaxe, que redundará, sen ningunha dúbida, nun mellor coñecemento do Concello, así como no incremento do seu prestixio como cidade.
Todo isto verase complementado con actuacións arqueolóxicas encamiñadas á limpeza, escavación, restauración e rehabilitación de xacementos reais, non soamente no eido da arqueoloxía senón tamén da etnografía.
Está a xurdir pois o concepto vivo da historia, incorporando ao Centro de Interpretación as últimas técnicas que ofrece a informática, onde se pode gozar de viaxes e reconstruccións virtuais das distintas etapas históricas. Incorpóranse pois a interactividade, as novas tecnoloxías ao servicio da reconstrucción da prehistoria.contido
|